Principalmente de parcelas en recuperación de albariño e espadeiro na contorna do complexo dunar protexido de Nerga-Donón, en Cangas do Morrazo. Unha paraxe natural moi especial aos pés do castro do Monte Facho, onde as raíces da viña profundan varios metros baixo a area arrastrada polo vento desde as praias de Barra, Nerga e Viñó. Cultivado en “Panelas”, sistema de condución tradicional de emparrado en cuadrículas de moi baixo porte, para evitar os fortes ventos e sobre postes de granito, travesas de madeira e canas. Con orientación sur á ría de Vigo e protexida da bravura oceánica que golpea as illas Cíes e a Costa dá Vela polo Cabo Home. Ademais de, parcelas con orientación noroeste cara á ría de Aldán e chans graníticos arenosos en Pinténs e O Hío en Cangas do Morrazo.
Amarelo pálido, limpo e brillante. Boa intensidade aromática. Aromas frescos e elegantes. Flores brancas, plantas aromáticas e suculentas costeiras (sabugueiro, xasmín, herba luísa, salicornias), balsámicos (loureiro, funcho). Finos aromas de froita de óso e froita fresca de verán (claudias, pera de auga, piña e limas). En boca é alegre e saboroso, coa acidez cítrica marcada que impregna de frescura e delicadeza un grolo cheo de sensacións sápidas e evocadores recordos salinos.